O pobo de Magros disporá dunha renovada rede de abastecemento

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 83.797 euros as obras de renovación da rede de abastecemento de auga no pobo de Magros, no concello de Beariz.

A actuación, adxudicada á empresa Cotoverde Obras y Servicios, S.L. e cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo executar as obras necesarias para dotar dunha nova rede de abastecemento os barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo.

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que asume o 80% do investimento e executa as obras, e o Concello de Beariz, que contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a conservación das actuacións.

As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia do covid-19.

Con estas obras preténdese asegurar un caudal de auga mínimo de 200 litros por habitante e día ás vivendas e nas bocas de rega e incendio.
As obras incluirán a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo, onde tamén se cambiará a tubaxe.

Te puede interesar