Técnicos da Xunta ultiman un proxecto para a creación dun centro de exposicións do patrimonio

Políticos e intelectuais avalan a restauración do mosteiro medieval de San Pedro de Lobás

José Moleiro, ó fondo, xunto con outros cabaleiros do Mosteiro de Lobás. (Foto: Martiño Pinal)
Representantes dos grupos políticos da comarca, empresarios, axentes de desenvolvemento e intelectuais participaron na asamblea xeral da Orde dos Cabaleiros, que promove a recuperación do Mosteiro de Lobás. Os técnicos de Patrimonio ultiman un anteproxecto para a rehabilitación do edificio e con vistas a darlle utilidade.
A localidade de Mosteiro, na parroquia carballiñesa de Santa Uxía de Lobás, acolleu a primeira asamblea da asociación cultural Orde dos Cabaleiros do Mosteiro, que fora constituida formalmente en novembro de 2007.

Á cita acudiron os voceiros da oposición municipal no Carballiño, Argimiro Marnotes e Manuel Amil, e outros concelleiros da Corporación; o alcalde de Cea, José Luis Valladares; empresarios ourensanos como Francisco Nóvoa, e artistas como José Mitra e Camilo Caamaño, entre outros, ademais dos xestores do grupo de densenvolvemento rural GDR-19. O obxectivo da xuntanza era coñecer de primeira man o estado de elaboración do proxecto de restauración do mosteiro benedictino do século XII, que na actualidade se atopa en ruinas.

Transformación


Segundo apuntou o secretario da asociación, Darío Rodríguez, ‘o alcalde carballiñés, Carlos Montes, comunicounos que técnicos de Patrimonio están a ultimar un anteproxecto para a transformación do edificio do mosteiro de Lobás, pero aínda se descoñece a que vai ser adicado’. Este sería un paso previo á elaboración do proxecto definitivo, ‘que deberá contar co visto bó da Xunta e do Ministerio de Cultura, para a súa inclusión no programa que destina o 1% das obras de infraestructura de Fomento para financiar recuperacións patrimoniais’, indicou.

O presidente da Orde dos Cabaleiros, José Moleiro, recolleu a inquedanza dos asociados ‘para que o traballo dos técnicos poida ser presentado antes de rematar iste ano, a fin de dar a nosa opinión’. A empresa xestora do GDR-19 confirmou que ‘a asociación Orde dos Cabaleiros está integrada neste programa de desenvolvemento rural, no que se recollerán iniciativas para a recuperación do patrimonio’.

José Moleiro: ‘Hai que poñer en valor as fontes termais’

O presidente da asociación cultural, José Moleiro, lembra que ‘logo de moitos anos loitando pola recuperación patrimonial do Mosteiro e o seu entorno, vexo que hai interés das autoridades’. E sinala que foi fundamental a iniciativa de organizar ‘a primeira Festa do Ovo Fritido para a que os veciños da comarca e os visitantes coñeceran o mosteiro, a igrexa románica e o castro celta’.

Iste evento gastronómico, que xa acadou a súa segunda edición o pasado mes de xuño e coincidindo coa festividade do antigo patrón, San Pedro, ‘marcou un antes e un despois na historia do noso pobo, xa que foron máis de 600 as persoas que se achegaron a disfrutar deste entorno marabilloso’.

Fervenza

José Moleiro destaca a incidencia que ‘vai ter cara o futuro desenvolvemento turístico do Carballiño o proxecto de creación de sendeiros polas beiras do río Arenteiro dende Piñor ata Boborás’. O cabaleiro apunta que ‘en Trigás hai surxencias termais que deberían ser acondicionadas, e unha praia natural baixo unha fervenza’.


Te puede interesar