O Carballiño

A praza central de Beariz terá pavimento de pedra

O Carballiño

PROVINCIA

A praza central de Beariz terá pavimento de pedra

A contorna do Centro de Saúde tamén terá novo pavimento.
photo_cameraA contorna do Centro de Saúde tamén terá novo pavimento.

A execución do proxecto suporá un investimento de 167.000 euros

 O acondicionamento da praza central da capitalidade municipal de Beariz será unha realidade no prazo de seis meses, unha vez que sexa adxudicada a execución do proxecto, agora en fase de licitación. Concretamente, a zona sobre a que se actuará alberga a confluencia de catro rúas en torno á Casa do Concello e o Centro de Saúde, totalizando unha superficie superior ós 1.700 metros cadrados. 


O tenente de alcalde, Tomás Sancho, expón que "o conxunto atópase cun deterioro visible debido aos desniveis, fochas e a irregularidade do pavimento de asfalto existente, con risco para os peóns e vehículos". Deste xeito, o proxecto pretende a mellora nos itinerarios tanto peatonais como rodados coa colocación dun novo pavimento en adoquín de granito, ademais da canalización do saneamento e das pluviais, así como a previsión do soterrado das instalacións, hoxe aéreas, de telefonía, alumeado público e electricidade.


Asemade, diante do consistorio instalaranse dous bancos de dous metros de lonxitude, "co obxectivo de introducir unha mellora nos espazos de relación entre os veciños, potenciando a humanización dos mesmos", apunta Tomás Sancho. A Consellería de Medio Ambiente xa sacou a concurso as correspondentes obras, cun orzamento de 166.888 euros que será financiado de xeito íntegro por este departamento autonómico.