GASTRONOMÍA

A hostalería dedica ó rural a xornada das tapas de mañá

uploaded_tapas_result
photo_camera Representantes dos veciños, hostaleiros e autoridades brindaron durante a presentación da ruta.

Ofrecerá aos clientes 29 formas de preparar os ovos nos establecementos da ruta gastronómica.

 As 16 parroquias do Carballiño celebran a decisión da hostalería local que decidiu dedicarlles a sexta xornada da Ruta das Tapas desta tempada. Con tal motivo, os representantes das asociacións de veciños acudieron onte ao acto de presentación, compartindo cos hostaleiros e autoridades municipais un brinde e a degustación dalgunhas das esquisiteces que estarán a disposición do público este venres, 1 de abril.

O ovo será o protagonista nesta ocasión, un produto que aínda se conserva caseiro nos pobos do rural, tal e como apuntou o presidente da asociación de O Torrón, Manuel Reboredo: "cando non invitaron pregunteime que tíñamos que ver as parroquias coa Ruta das Tapas, pero ó ver que se utilizaba o ovo, penso que é unha boa iniciativa, porque de eso aínda temos no rural do Carballiño, e é unha pena que non haxa outros produtos", manifestaba en clara alusión á despoboación do rural.

INVITACIÓN

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, en representación do alcalde, Francisco Fumega, que estaba de viaxe, e do concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, por atoparse de baixa médica, felicitou aos hosteleiros pola dedicatoria ás parroquias, sinalando que "nós colaboramos para que se recupere o rural de forma sostible", animando aos veciños a salir mañá a degustar as tapas e invitando aos de fora, expresando o seu desexo de que esta iniciativa "se consolide". 

Os hostalerios mostranse satisfeitos dos resultados das últimas xornadas e incluso algún apuntaba que o mellor é instaurar a actividade durante tódolos venres nunhos meses establecidos, para que non haxa confusión sobre a data, como neste caso, que en lugar de ser o último venres de mes, como é habitual desde outubro, se aplazou por causa da Semana Santa. "Os venres funciónase ben e se coincide coas tapas aínda mellor", manifestaba a propietaria do Bar Peñasco.

Os pinchos ofrecidos onte como mostra polos representantes da hostalería van desde o tradicional prato de ovos fritidos con xamón e pementos, ata arepas, nidos de ovo ou madalenas de ovo con pementos. Son só unha pequena parte das 29 formas culinarias de preparar uns ovos que se poderán degustar, ao prezo de 1 euro,  a partir das 20,00 horas deste venres, nos mesóns, bares e cafeterías integrados na Ruta das Tapas. 

Anteriores xornadas dedicáronse aos produtos do outono como setas e castañas, tamén ao Nadal, á matanza do porco e ao pulpo, entre outros.

Te puede interesar