Un programa axudará a 15 carballiñesas a formarse na atención a persoas dependentes

O incremento das persoas con problemas de dependencia motivou á Concellería de Servizos Sociais do Carballiño a acollerse a un programa do Servizo Galego de Igualdade da Xunta para a formación de mulleres en tarefas de axuda no fogar. O curso desenvolverase a partir do mes de setembro e cunha duración total de 200 horas. ‘Está aberto á participación dun total de 15 mulleres que deben reunir unha serie de requisitos’, sinalou a responsable desta área municipal, Asunción Rivero.
Deste xeito, no proceso de avaliación das aspirantes a coller unha das prazas primarase aquelas ‘que padeceron unha situación de violencia de xénero, están en perigo de exclusión social ou están desempregadas debido á súa atención ás tarefas familiares’, indicou a concelleira de Servizos Sociais. O curso, denominado ‘Atención a persoas dependentes’, contempla no seu programa módulos adicados ó cuidado do fogar, dietética, nutrición e limpeza, ademais doutros dous centrados no eido da igualdade e na orientación e busca de emprego.

O prazo de inscripción para participar neste proxecto, que subvenciona a Xunta con 8.000 euros, abrirase o vindeiro luns, mentres as probas de selección están convocadas para o 2 de setembro nas oficinas que posúe o departamento de Servizos Sociais na rúa Faustino Santalices, fronte ó edificio de Correos.


Te puede interesar