A Xunta contempla eliminar muros, formigón e árbores, como demandaban os carballiñeses

Proposta para desbloquear as obras da Veracruz

Traballadores da concesionaria na praza da Veracruz, antes da paralización das obras. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de remitir ó Concello de Carballiño dúas propostas para retomar o proxecto de acondicionamento do contorno do Templo da Veracruz, co fin de que a analice e se pronuncie para avanzar nas obras, paralizadas dende o pasado mes de xaneiro.
Unha das opcións que se plantexan resúmese en eliminar os muros perimetrais de contención de terras que delimitan o espazo libre con respecto ás rúas Evaristo Vaamonde e á nova rúa de enlace coa praza de San Ramón. Os técnicos deste departamento autonómico recomendan a nivelación do terreo con noiros axardinados, escalinatas e ramplas de acceso; substituir o pavimento proxectado de pezas prefabricadas de formigón por lousados de pedra granítica, ademais de reservar unha ampla zona destinada a actos públicos.

A segunda das opcións que plantexa a Consellería de Medio Ambiente baséase en conservar os actuais xardíns da zona sur do templo e das escaleiras de pedra existentes no encontro coa rúa Evaristo Vaamonde, cunha intervención mínima en substitución dos pavimentos de pedra rugosa por un lousado de pedra granítica.


CONSULTAS

A Xunta tamén aposta por reducir a masa de arborado proxectada, eliminando as especies que impidan a visión do templo. No escrito enviado ó Concello carballiñés solicítase o seu posicionamento e a acreditación da dispoñibilidade dos terreos precisos para a execución da obra. O alcalde, Carlos Montes, subliñou, ó respecto, que 'termos que consultar cos sectores sociais implicados, pero penso que os cidadáns asumirán estas propostas, xa que se axustan ás súas demandas'.

Te puede interesar