Un proxecto contempla casas reconstruidas no Castro de Lás

Unha representanción institucional do Concello de Punxín, co alcalde, Alfredo Cruz, á súa fronte, e de comuneiros da parroquia de Ourantes, do mesmo municipio, mantiveron onte unha xuntanza para estudiar a viabilidade da ampliación do recinto de excavacións do Castro de San Cibrán de Lás. Á reunión, celebrada en Ourense, acudiron o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, e técnicos do departamento de Patrimonio.
A intención dos responsables autonómicos é levar a cabo un proceso de expropiacións, aínda sen concretar, nos terreos comunais de Ourantes que lindan co recinto castrexo, con vistas á posta en marcha dun proxecto definido como 'arqueoloxía experimental'. O obxectivo, según indicaron fontes da Consellería de Cultura, é a reconstrucción dalgunhas das antigas vivendas castrexas 'para que os visitantes poidan ter unha idea completa de cómo eran as edificacións e cómo vivían os seus residentes hai agora 2.000 anos'. Ademais, dentro destes castros restaurados poderanse ver reproduccións dos utensilios que os seus moradores empregaban naquela época.


REFERENTE

Os propietarios de Punxín manifestaron o seu interese neste proxecto, se ben aprazaron calquera tipo de decisión mentres non se pronuncien en asamblea os comuneiros da parroquia de Ourantes. As mesmas fontes do departamento autonómico de Cultura expresaron que a ampliación do recinto castrexo de San Cibrán de Lás 'contribuirá a poñer en valor o centro de referencia da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico', que tamén inclúe o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa, en obras na actualidade e que estará aberto ó público no vindeiro ano, según as previsións da Xunta.

Te puede interesar