POLÍTICA

O PSdeG do Irixo elixe a Iago Fariñas como cabeza de lista

Iago Fariñas é o portavoz municipal e secretario xeral no Irixo.
photo_camera Iago Fariñas é o portavoz municipal e secretario xeral no Irixo.

Foi elixido por unanimidade nunha asamblea celebrada o pasado 31 de xaneiro

A agrupación socialista do Irixo elixiu por unanimidade ao seu secretario xeral e portavoz do PSdeG no Concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, como candidato nas elección municipais do próximo 26 de maio á Alcaldía de O Irixo. 

A asemblea na que se decidiu nomear candidato celebrouse o pasado 31 de xaneiro. Na acta de dita asemblea, os militantes tamén sinalan que: “Os membros da agrupación queren deixar constancia do intenso e constante traballo realizado nestes últimos catro anos de mandato, no que se acadaran mais de 100 mocións presentadas ao pleno municipal entre outras moitas iniciativas".

Ademais, a acta recolle que os asistentes queren "expresar o seu desexo e mandato para que o candidato con toda liberdade configure un equipo de traballo e unha lista electoral totalmente renovada se fose posible e coas persoas que el considere máis apropiadas para cada posto, contando sempre cos membros da agrupación de forma subsidiaria se o considerase preciso".

Iago Fariñas Valiña, avogado de profesión, defendeu durante este mandato municipal que está a punto de rematar numerosas iniciativas encamiñadas á posta en valor do patrimonio histórico e cultural do Irixo; para mellorar a calidade de vida dos veciños; reclamando mellores infraestructuras; o aproveitamento de vellos inmobles como as casas parroquiais; e mellores servizos públicos para o municipio. A maioría das súas propostas foron aprobadas por unanimidade do pleno.

Te puede interesar