POLÍTICA LOCAL

O PSdeG rexeita o paso dos servizos sociais de Piñor á Mancomunidade

Sinalan que "o que o alcalde e o tenente alcalde queren facer pasar coma aforro e eficiencia económica non é máis que non ter ganas de traballar nin de asumir as propias responsabilidades"

O grupo municipal socialista de Piñor considera que se o goberno bipartito (PP e Veciños de Piñor) quere desfacerse dos servizos sociais e pasarllos á Mancomunidade "parece indicar unha posible cadea de favores", matiza. Afirman os socialistas que asisten "estupefactos a como todo o traballo conseguido durante anos, todos os servizos municipais de alta calidade que se estaban a prestar ós veciños, son desmantelados".

Engaden que "o que o alcalde e o tenente alcalde queren facer pasar coma aforro e eficiencia económica non é máis que non ter ganas de traballar nin de asumir as propias responsabilidades". Por iso, lembran que mentres noutros concellos, sendo varios do PP, se queixan "do caros que saen os servizos mancomunados e por iso se foron da Mancomunidade, o de Piñor quere retroceder no tempo e desentenderse das competencias propias". 

Ademais, critican da Mancomunidad a forma de selección do persoal, e refírense a que resulta "cando menos curioso que a filla de Uxío Rodríguez (tenente alcalde) estea a traballar no Irixo, contratada pola Mancomunidade, ó tempo que ésta é presidida por Manuel Cerdeira, tenente alcalde popular da localidade veciña". O portavoz, Francisco Fraga, manifesta que “se o único que saben facer é desfacerse dos servizos, o mellor favor que lle poden facer ós veciños é irse para a súa casa". 

Te puede interesar