O PSOE carballiñés organiza un curso de informática para persoas desempregadas

A Secretaría de Inmigración e Movementos Sociais da Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño vén de organizar un curso de mecanografía asistida por ordenador, que está dirixido ós colectivos de difícil inserción laboral deste municipio.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar a estas persoas o acceso á formación persoal que lles axude a unha máis doada integración na sociedade carballiñesa en xeral e no mundo laboral en particular.Dende hoxe, mércores, ata o vindeiro día 31 deste mes de agosto tódolos interesados poden acudir á sede que a agrupación socialista ten na Praza Maior, en horario de 11,00 a 13,30 horas ou de 16,30 a 19,00 horas, para solicitar a información que precisen. As datas de desenvolvemento deste curso serán entre os días 4 e 14 de setembro, nun local habilitado para este fin.

Según apuntan os responsables do PSdeG-PSOE do Carballiño, a idea desta iniciativa 'nace logo da demanda que existe por parte destes colectivos á hora de procurar fórmulas que se axeiten a unha mellor integración', non sendo a primeira actuación que parte dos socialistas carballiñeses co fin de facilitar a convivencia entre os distintos sectores da sociedade que habitan o municipio.


PROTECCIÓN

Así, a mesma secretaría de Inmigración e Movementos Sociais prepara outra serie de iniciativas en diferentes ámbitos, 'co afán de procurar unha maior protección dos colectivos máis desfavorecidos do Carballiño', e que na actualidade se atopan nun grao extremo de dificultades que agravan a súa situación de inserción

Neste sentido, os socialistas destacan o gran número de familias que hai con problemas incluso para poder comer, debido a que as nais ou pais ou ambolosdous non teñen un acceso doado ó emprego. Tamén suliñan as persoas que, polas súas circunstancias de risco de exclusión, coma no caso dos veciños que pertencen á etnia xitana e inmigrantes que están a tramitar a súa documentación de residencia, son rexeitados cando se dirixen a calquera empresa a pedir traballo, o cal repercute negativamente na sociedade.

Te puede interesar