Os grupos municipais PSOE e CxG de Punxín acaban de solicitar un pleno extraordinario para abordar a decisión do goberno local (PP e Ciudadanos) de extinguir a Fundación Benigno Quiroga, que ten cen anos de antigüidade e que é "o símbolo máis entrañable que teñen os veciños de Punxín", segundo indicaba Eladio Fernández de CxG.
Esixen a rectificación por parte dos membros do padroado, concelleiros do PP e Ciudadanos, e acúsanos de actuar "de xeito escurantista ás costas da veciñanza".
A portavoz socialista, Lorena Peleteiro, sinala que a fundación "constitúe unha honra e un orgullo para a veciñanza coa que o goberno municipal pretende acabar sen ningún reparo".
Desta maneira, propoñen ao pleno a reprobación da actuación do padroado e a interposición dun recurso de reposición para anular a desaparición da fundación.
Ademais, propoñen que o Concello solicite ao protectorado da fundación a cesión a título gratuíto dos bens e dereitos da Fundación Benigno Quiroga. Eladio Fernández recordaba que a fundación formou a moitos mestres e a propiedade de Benigno Quiroga, o emigrante que puxo en marcha a escola para a ensinanza de artes e oficios, hoxe acolle o colexio de Infantil e Primaria. Os portavoces anunciaban que de non cambiar o goberno local esta decisión recurrirán a un contencioso administrativo.