O rally volta completar as prazas hoteleiras

O Carballiño agarda unha nova fin de semana de récord, neste caso con motivo do Rally Pazo Tizón, despois da afluencia de miles visitantes durante a primeira quincena de agosto con motivo da Festa do Pulpo. Tra-la presentación do programa desta 36ª edición da competición automobilística, a organización, integrada polas escuderías Amoeiro e JLB Motorsport, fixo públicos os datos de mobilización desta proba, para a que se inscribiron 116 equipos.

A unha media de seis persoas por equipo (piloto, copiloto, mecánicos e asistencia), só os participantes sumarán preto de 700 persoas, para as que foi preciso solicitar prazas de aloxamento en establecementos hoteleiros e casas de turismo rural de toda a comarca do Carballiño e de Ourense, dado que o  rally comeza hoxe e non rematará ata mañá, sábado. Elo significa que a ocupación hosteleira voltará a ser do 100%, tanto no casco urbán como na bisbarra.

Gran parte da competición desenvolverase no Carballiño, onde estará o parque de custodia e se realizarán as verificacións técnicas e administrativas. Tamén o primeiro tramo da carreira será, hoxe mesmo, na contorna do municipio, mentres que o resto de tramos transcorrerán por estradas de Piñor, Irixo, Boborás, Leiro, Amoeiro, Cea e Maside.
A organización estima que serán arredor de 30.000 as persoas que mobilizará o Rally Pazo Tizón, entre participantes, forzas e corpos de seguridade, servizos de emerxencia, voluntarios e afecionados. A hostalería do Carballiño, que xa dende o sábado ao martes pasados rexistrou facturacións récord con motivo da Festa do Pulpo, o festivo da Asunción e a xornada de feira, agarda de novo unha gran afluencia ante esta convocatoria deportiva.

Te puede interesar