Xesús Alonso Montero sinala que a institución que preside emitirá un dictame 'que terá forza de lei'

A Real Academia 'aplaude' a consulta sobre o termo 'pulpo'

Argimiro Marnotes e Xesús Alonso Montero durante un acto literario. (Foto: MARCOS ATRIO)
O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, afirma que a consulta que prevé facer o alcalde do Carballiño a esta institución sobre a conveniencia de recoñecer a palabra 'pulpo' no diccionario galego é digna de 'agradecer e aplaudir porque a Real Academia Galega é a única que ten facultade para decidir', engadindo que 'o que nos desconcerta é que xurda a polémica nos medios e opinións antes de que se pronuncie a Real Academia'.
Alonso Montero matizaba, ademais, que 'non nos podemos pronunciar a favor nin en contra antes de recibir a proposta', asegurando que é consciente de que o Instituto de Estudios Carballiñeses está elaborando un informe, 'onde me consta que hai grandes expertos en lexicografía e na historia do idioma, como Frutos Fernández (colaborador habitual de La Región), que se terá en conta'. Foi precisamente o Concello do Carballiño quen encargou o referido informe ó Instituto de Estudios Carballiñeses co fin de respaldar a proposta de que 'pulpo' comparta espacio no diccionario con polbo, que é o témino recoñecido na actualidade.

Este informe, no que xa se está traballando, estará listo antes de que remate este mes de xaneiro. De seguido, a entidade presentarao ó Concello, que levará a pleno a proposta de dirixir a solicitude a Real Academia.


ANÁLISE DA PROPOSTA

Xesús Alonso Montero declarou que unha vez que o Concello faga a consulta fundamentada no referido informe, 'paréceme unha auténtica proposta que será analizada polos lexicógrafos e historiadores do idioma da Real Academia quen fará un informe e emitirá un dictame que terá forza de lei', matizando que 'agora non podemos facer un pronunciamento público sen antes estudialo, porque é algo moi serio'. Alonso Montero tamén asegurou que este tipo de consultas son habituais na Real Academia Galega, 'non hai nin un só día que á Real Academia non cheguen preguntas ou consultas sobre a lingüa, sobre topónimos ou apellidos para saber se son correctos, e nós facemos un estudio e enviamos o dictame', insistindo en que 'o alcalde fai ben en poñerse en contacto coa Real Academia porque é a única institución do mundo facultada para decidir'.

Te puede interesar