Olimpio Liste e Josefina Fernández, galardoados pola revalorización do patrimonio etnográfico

Recoñecemento á laboura de unha vida

Unha das salas do Museo Etnográfico Olimpio Liste, en Oseira.
Olimpio Liste e a súa dona Josefina Fernández, recibirán o próximo sábado o premio ‘Torques de Honra Chamoso Lamas’, en recoñecemento a súa laboura de recuperación e revalorización do patrimonio etnográfico durante máis de 40 anos. Os creadores do Museo Olimpio Liste de Oseira son os galardoados nesta segunda edición do premio organizado polo Centro de Estudios Chamoso Lamas, que este ano celebra o centenario do nacemento do historiador e arqueólogo de Moldes que da nome a entidade.
O próximo sábado, ás 19 horas, na casa da cultura do Carballiño, terá lugar o acto de entrega do premio ‘Torques de Honra Chamoso Lamas’ correspondente ó ano 2009, e que o centro de estudios concede nesta segunda edición a Olimpio Liste Regueiro e Josefina Fernández Mosquera.

Os membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas valorarón a recuperación, conservación e revalorización do patrimonio etnográfico que os premiados levan facendo dende hai máis de 40 anos como propietarios e creadores do Museo Olimpio Liste de Oseira (Cea). Asemade, tamén se tivo en conta a colaboración de ambos galardoados coa entidade.

O contido do museo está orientado ó traballo agrícola en Galicia, a máis de corenta oficios (a maior parte descoñecidos), a obxectos de carácter singular, e a exclaustración monacal. Conta con biblioteca, arquivo e depósitos que sempre están ó servizo dos investigadores. A súa filla Araceli Liste recolle na súa obra ‘ Funcionalidad y estética en el Museo Etnográfico Liste’ unha gran parte dos elementos que se poden atopar no museo.

O establecemento é o máis antigo destas características en Galicia, e ó respecto o secretario do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Juan José Álvarez, matizaba que ‘contribuiu a revalorizar o material etnogafico, porque agora consérvase, pero cando eles empezaron a xente tiraba as pezas’.

Sorprendido

Olimpio Liste dixo sentirse sorprendido, porque ‘entendo que o que fago é porque me gusta e por iso é un mérito relativo, porque sin darte conta están facendo algo importante’. Nese senso, ensalzou a aportación da súa dona, xa que ‘en primeiro lugar, a casa de Oseira é dela e, por outra banda, fíxose o museo grazas a súa paciencia, porque me acompañou por toda Galicia buscando pezas e porque aceptou que invertíramos os cartos nun proxecto que era a miña ilusión, o meu soño’.

Asemade, o centro de estudios, que aglutina a 30 investigadores de toda Galicia, xa prepara outra actividade para conmemorar o ano do centenario de Manuel Chamoso Lamas. Trátase da inauguración dunha exposición de fotografías, a maioría feitas polo historiador e arqueólogo, o próximo 26 de decembro, ás 20 horas, na sala do auditorio municipal, contando co historiador carballiñés Felipe Senén López, que impartirá unha conferencia sobre o galeguista de Moldes (Boborás).

HISTORIA

Unha nova sala anexa

O edificio que hoxe é museo, nas suas orixes do século XVIII foi unha hospedería do Mosteiro de Oseira, destinada a recibir ós peregrinos de paso cara Santiago de Compostela. Posteriormente, foi a casa do cura e a mediados do século XX acolleu a escola da aldea, ata que da man de Olimpio Liste e Josefina Fernández se converte no gran museo de referencia. O establecemento foi inaugurado por Xesús Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo Fernández en 1972, cuns fondos que superaban xa o millar de obxectos, xa que a formación do mesmo víñase producindo dende o ano 1965. Na actualidade os obxectos son máis de seis mil, e o seu propietario prepara na actualidade a apertura dunha nova sala, nun edificio anexo, coas primeiras máquinas e o oficio de plateiro.



Te puede interesar