TRÁFICO

Remata con éxito o ensaio de estacionamentos na rúa Prieto

Esta medida tivo "unha boa acollida" por parte dos conductores durante os tres días que estivo en práctica, según suliñaron dende a Policía Local

Traballadores da brigada municipal de obras do Carballiño procederon ó mediodía de onte á retirada das biondas e pivotes que delimitaban o estacionamento de vehículos entre a rúa Norte e a praza Irmáns Prieto da vila. Unha instalación que foi promovida pola Concellería de Tráfico e a Policía Local dentro dun plan piloto orientado a reducir o tempo de ocupación das prazas libres de aparcamento no casco urbán.

Esta medida tivo "unha boa acollida" por parte dos conductores durante os tres días que estivo en práctica, según suliñaron dende a Policía Local, xa que nesa zona hai un elevado movemento de vehículos e o estacionamento, totalmente gratuíto, estaba limitado a un máximo de 45 minutos. O concelleiro de Tráfico, Adolfo Nogueira, non descarta levar a cabo outros ensaios semellantes "noutras áreas do casco urbán onde se detecten problemas".

O edil refírese a que a zona da praza Irmáns Prieto soporta contínuos atascos, debido á existencia de tres entidades bancarias, un bar con selado de quinielas e venda de lotería e un colexio de primaria. Precisamente, ás primeiras horas da mañá de onte, a praza estivo ocupada durante unha hora por tres camións de materiais de construcción e un guindastre, destinados ós traballos de acondicionamento do tellado dese centro de ensino.

Te puede interesar