O rexeitamento á incineradora no Irixo centra unha andaina

As terras do Irixo atraerán hoxe a un bó número de sendeiristas que se opoñen á instalación dunha incineradora de residuos para o sur de Galicia neste municipio, promovida por Estela Eólica. Será precisamente a paraxe do Coto do Marco, elexida por esta empresa para a ubicación do complexo de tratamento de lixo, na que se concentren, dende primeira hora da tarde, as diferentes expedicións que protagonizan esta andaina, e que partirán dende as comarcas do Deza e do Carballiño.
Concretamente, os integrantes da plataforma 'Incineradora Non' saen dende o monte da Madanela, na parroquia carballiñesa de Lobás ás 10.30 horas, mentres os colectivos do Concello de Piñor inician o percorrido no campo da festa de Grobas. Co mesmo horario, os veciños do Irixo integrados na coordenadora 'Incineradora no Irixo, non' dispoñen de tres puntos para abrir a camiñata: Orosa, Marnotes e Loureiro.

No citado Coto do Marco, os participantes darán lectura a un manifesto conxunto ás 14.00 horas, para logo disfrutar dun xantar de confraternidade e preparar a organización doutras mobilizacións. Nese punto de reunión, distribuirase entre os presentes a revista editada pola plataforma 'Incineradora Non', e na que se recollen artigos de prensa, imaxes e traballos de investigación encol do proxecto da incineradora.

Te puede interesar