Un roteiro mostrará a vila do século XVIII

A Veracruz será un dos monumentos que se visitarán durante o roteiro.
photo_camera A Veracruz será un dos monumentos que se visitarán durante o roteiro.
Será guiado polos membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas

O Centro de Estudios Chamoso Lamas programa para o próximo domingo 5 de xuño un roteiro urbano polos lugares de interese histórico e aqueles vencellados con persoeiros de relevancia do Carballiño. O roteiro, que será guiado polos integrantes do centro de estudios Xosé Luis Sobrado, Juan Manuel Rodríguez e Alicia Graña Novelle, partirá ás 10,00 horas do Asilo Residencia dos Irmáns Prieto e concluirá sobre as 13,30 horas na Praza Maior.

“Será un percorrido de vagar pola historia do Carballiño dos séculos XVIII e XIX, fundamentalmente, pero tamén do comezo do século XX”, apunta o presidente da entidade, Carlos Rodríguez.
O roteiro conta coa colaboración da área de Cultura do Concello do Carballiño, que obsequiará aos participantes cos exemplares das obras de Xosé Fariña Jamardo “A feira” e “A liña. Carballiño-Ribadavia, treinta e oito minutos”.

O Centro de Estudios Chamoso Lamas tamén programará para o mes de xullo unha nova andaina nocturna aos petroglifos de Cangues, en O Irixo, cuxa data de celebración darase a coñecer con anterioridade.

Congreso

Por outra parte, o colectivo está a ultimar o que será o seu XII Congreso, que se celebrará no mes de outubro na súa sede de Cabanelas, e no que se presentarán unha vintena de comunicacións sobre traballos de investigación histórica baseados nas comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

Con estas iniciativas, especialmente co seu congreso, o Centro de Estudios Chamoso Lamas recupera a súa actividade habitual, que se veu paralizada nestes dous últimos anos por causa da pandemia.

Te puede interesar