A Rúa Saleta, libre de postes e peches de pedra

A Rúa Saleta, entre Juan Corral Pajariño e Rúa Ribadavia.
photo_camera A Rúa Saleta, entre Juan Corral Pajariño e Rúa Ribadavia.
O Concello continúa nesta zona o plan de mellora do casco urbano

O plan de mellora das rúas do casco urbano do Carballiño ten continuidade coa execución nesta ocasión dun novo proxecto de acondicionamento da Rúa Saleta, situada entre a de Juan Corral Pajariño e a de Ribadavia.

A renovación que agora se acometerá servirá como remate do acondicionamento da referida vía pública.

En conxunto, actuarase nunha lonxitude total de 322 metros. Entre as actuacións previas inclúense accións como a retirada de peches de granito ou de postes e tea metálica, mesmo portais de acceso e cancelas, sitos en lindes de parcela cravados no terreo ou con cimentación pobre; retirada e traslado de postes existentes de tendidos aéreos, incluso reubicación de cableado. 

Pavimentos, asfalto, baldosas, bordes e soleiras de formigón serán demolidas e haberá unha limpeza a fondo da superficie sobre a que se vai actuar.
Os muros e cerramentos que se crearán serán en base a formigón armado ou de perpiaños de pedra granítica. Ademais, dotarase ao trazado de pavimento continuo de formigón impreso, con xuntas de 10 centímetros de espesor, para uso peonil.

No acondicionamento da Rúa Saleta tamén se contempla dotala dun novo alumeado que mellorará a vía pública e que estará dotado con novas luminarias e materiais que incidirán nunha mellor iluminación ao tempo que se aposta polo aforro enerxético. Para levar a cabo os traballos non se requerirá ningún tipo de expropiación.
O investimento para facer realidade o proxecto de acondicionamento da Rúa Saleta é de 181.869 euros, que financia o Concello con fondos propios, e o prazo de execución da mesma será de catro meses, segundo fontes municipais.

Te puede interesar