Seara critica ós empresarios por calar ante o parón de proxectos

A deputada Laura Seara, do PSOE, solicita da Xunta que manteña o parque medioambiental en Carballeda de Avia, á vez que critica o ‘silencio’ da CEO ‘ante a paralización de proxectos na provincia por parte de Núñez Feijóo’.
A adxudicación provisional da redacción do proxecto do enlace entre a autovía A-52 e o futuro parque medioambiental de Carballeda de Avia ‘é unha proba de que esta iniciativa industrial vai adiante’, sinalou onte Laura Seara, deputada socialista no Parlamento Galego.

O anunciou feito polo secretario de Estado para Infraestructuras, Víctor Morlán, o pasado venres no Carballiño ‘dános forza para defender aínda moito máis o proxecto que promoveu o anterior Goberno autonómico’, indicou a parlamentaria ourensá. Laura Seara apunta que ‘a actitude do Goberno socialista en Madrid contrasta coa do PP no Goberno da Xunta, xa que Núñez Feijóo está a paralizar obras, coma é a estrada entre Celanova e Portugal, e tamén se opoñen ó parque, destinado a 30 empresas e a creación de 800 postos de traballo’.

A deputada do PSOE insta así a Xunta ‘a manter o proxecto para Carballeda e non apostar polo ladrillo e a especulación’. Ademais, Laura Seara critica o ‘silencio’ da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), ‘dende o pasado 1 de marzo, xa que co bipartito esixían máis inversión en obra pública e agora están mudos ante a paralización que a Xunta fai de proxectos que xa estaban en marcha’. Neste sentido, pensa que Francisco Rodríguez, presidente da CEO, ‘debería amosar a mesma actitude que tiña no pasado’.

Te puede interesar