Segundo roteiro do Chamoso Lamas sobre as orixes da vila do Carballiño

O roteiro, que comezará ás 11,30 horas no Asilo dos Irmáns Prieto e se prolongará durante unhas dúas horas

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, continuando coa iniciativa da posta en valor do patrimonio histórico do Carballiño, organiza para este domingo,15 de xaneiro, un novo roteiro no que o historiador Carlos Montes explicará a configuración urbana da vila carballiñesa a partir do século XVIII.

Trátase de proseguir co traballo de investigación sobre as orixes do Carballiño, que xa foi obxecto dun roteiro celebrado o pasado mes de setembro e que nesta ocasión vaise ampliar para dar a coñecer algunhas das edificacións máis significativas e emblemáticas da vila, así como dos seus moradores.

O roteiro, que comezará ás 11,30 horas no Asilo dos Irmáns Prieto e se prolongará durante unhas dúas horas, proseguirá pola rúa principal e rematará na Praza Maior tras percorrer diversas rúas e prazas do casco urbano carbaliñés.

O pasado ano, o Centro de Estudios Chamoso Lamas organizou tres roteiros, dous urbanos pola vila do Carballiño e outro nocturno aos petroglifos de Cangues, que contaron cunha gran asistencia de público, xa que superaron o centenar de persoas cada un.

É unha das actividades que forman parte do programa desenvolvido por este colectivo cultural e investigador, que celebrou un congreso en outubro e rematou o ano coa entrega do galardón Torques de Honra ao Arquivo Histórico Provincial.

Te puede interesar