Os socavóns dun acceso aillan os carballiñeses da aldea de Veiga

Os veciños do barrio do Ollal, na parroquia carballiñesa de Veiga, vense na obriga de dar un rodeo de dous quilómetros dende a vila para achegarse ás súas vivendas. O motivo, o elevado número de socavóns que dende hai un ano presenta a pista de asfalto, duns 300 metros de lonxitude, que comunica a zona do pavillón polideportivo Paco Chao e as piscinas municipais co dito barrio, onde habitan unhas 30 persoas.
'Aquí estase a desenvolver un núcleo de chalés, con catro novos nos dous últimos anos, e temos moitos problemas para transitar cos nosos vehículos polos baches, que nestas épocas de choiva se enchen de auga', comentan os veciños. Istes optan por circular pola estrada a Lalín e a antiga do Irixo ata Carballiño, pasando polo campo da festa de Veiga e dando un rodeo de dous quilómetros ata o entronque coa N-541.


ASFALTADO

'Ademais, entre o pavillón e O Ollal non temos alumeado público nin beirarrúas, e a xente que se despraza a pé ten medo de sufrir un atropelo', engaden os afectados. Por elo, solicitan do Concello que arranxen no menor tempo posible o firme da pista e que esta sexa dotada de farolas e beirarrúas. O concelleiro de Medio Rural, Edelmiro Mateo, apuntou que 'moitos socavóns son producidos polas obras de acometida de saneamento ou electricidad que fan os veciños nos seus chalés, pero esperaremos a que mellore o tempo para asfaltar esa pista'.

Te puede interesar