Os socialistas afirman que o derrubo no Hotel Rogelia non foi culpa da súa xestión

O grupo municipal do PSdeG-PSOE do Carballiño califica de 'desfachatez' as declaracións do alcalde, Argimiro Marnotes, sobre o derribo dos áticos no edificio do antigo Hotel Rogelia.
Os socialistas suliñan que o actual rexedor 'semella ignorar quen é o culpable de que agora os veciños deste pobo teñan que pagar a irresponsabilidade dun alcalde (casualmente o seu pai), que fixo caso omiso das advertencias de denuncia por parte dos veciños colindantes e afectados polas obras deste edificio'. O grupo socialista tamén corrixe a Marnotes, asegurando que 'o Tribunal Superior de Xustiza non desestimou a solicitude de inexecutabilidade da sentencia de demolición por estar mal xustificada, senón argumentando que a obra é ilegal e que polo tanto hai que derribar'.

Sobre a vía de diálogo cos denunciantes, que o alcalde afirmou 'chegou tarde', o voceiro do PSdeG na Corporación, Francisco Fumega, comenta que 'o diálogo debeu ser no momento da obra, cando os demandantes advertiron ó pai de Marnotes das irregularidades e da denuncia, das que o entonces rexedor fixo caso omiso'.


RESPONSABLE

Os socialistas lémbranlle ó actual alcalde que 'ten diante unha situación complexa na que ata o de agora non fixo absolutamente nada por evitala, e con estas declaracións faille pouco favor ao seu pai, que é o responsable directo desta demolición que deberán sufragar tódolos veciños do Carballiño', e que valoran economicamente en 600.000 euros. Por outra banda, no seu comunicado, o PSdeG carballiñés desexa aproveitar a ocasión 'para instar a Argimiro Marnotes a que convoque unha reunión urxente, para informar ós grupos políticos con representación no Concello da situación na que se atopa o expediente do Hotel Rogelia na actualidade'.

Neste sentido, aseguran que o actual alcalde xamais tivo a ben informar á oposición sobre os pasos dados e as reunións mantidas coa parte demandante e o propio Tribunal, 'dentro da súa habitual política oscurantista'.

Te puede interesar