O soldo dos ediles do PP sorprende ós socialistas

O grupo municipal do PSdeG-PSOE do Carballiño calificou de 'dictatorial' a medida tomada polo alcalde, o 'popular' Argimiro Marnotes, de presentar os orzamentos xerais deste ano ós medios de comunicación sen habelos remitido previamente á oposición e ás asociacións veciñais.
Os socialistas suliñan que 'esta postura do señor alcalde é anterior ó ano 1975', ademais de considerar unha total falta de 'dignidade' que o Concello non enviase unha copia do borrador dos orzamentos ós colectivos sociais e culturais do Carballiño, 'como se viña facendo en anteriores mandatos'.

Por outra banda, o voceiro do PSdeG na Corporación, Francisco Fumega, apunta que 'aínda por riba da suba indiscriminada dos impostos e das taxas, o señor Marnotes pon, como guinda e por sopresa, dous soldos a dous dos seus concelleiros'.


MAIORÍA

O edil socialista engade que 'istes salarios ímolos pagar todos cos novos prezos da contribución, o Conservatorio de Música, o servizo de familias madrugadoras, as escolas deportivas e a do abastecemento de auga'. Asimesmo, Fumega considera que 'a maioría absoluta na Corporación fai pensar ó alcalde que ten patente de corso para facer e desfacer ó seu antoxo, saltándose tódalas canles mínimas de normalidade institucional' e sen respetar ós grupos da oposición.

Te puede interesar