cultura

O teatro dinamizará o Etnográfico de Arenteiro ata o 7 de setembro

A Asociación Cultural Plan B encargarase de escenificar lendas, persoeiros, rituais e música en directo

"Noites de lúa feiticeira" é o título da actividade que promove o Concello do Carballiño para dinamizar o Museo Etnográfico do Arenteiro. Trátase dunha iniciativa que promove a divulgación de lendas, tradicións e música popular de Galicia nun entorno natural como o Museo do Anxo, no Parque Etnográfico do Arenteiro.

Son sesións teatralizadas previstas para os días 17 de agosto e 7 de setembro, que terán lugar ás 23,00 horas, e para as que é preciso inscribirse previamente, pois as prazas son limitadas.

Esta actividade é totalmente gratuita ata completar o aforo, e as reservas poden facerse chamando aos teléfonos 645865080 e 619442622. Para a súa realización hai que contar cun mínimo de 10 asistentes, sendo o máximo de 30 persoas.

O seu desenvolvemento corre a cargo da Asociación Cultural Plan B, que disporá de catro actores para representar distintos persoeiros destacados da cultura, tamén se desenvolverán varios ritos e haberá música en directo. A actividade ten como obxectivo prioritario dar a coñecer aos visitantes a cultura da zona para promocionar este entorno, aínda que tamén poden asistir veciños da contorna.

Te puede interesar