Tiruleque pon en marcha a súa décima mostra de teatro de grupos afeccionados

As representacións celebraranse ás 18,00 horas dos domingos 1, 8, 15, 22 e 29 do mes de outubro, no Auditorio Municipal do Carballiño

O grupo Tiruleque Teatro pon en marcha a X Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2017 a celebrar no Carballiño na tempada do outono, como ven sendo habitual cada ano. Con tal motivo, da a coñecer as bases polas que se deberán guiar os grupos de teatro interesados en participar nesta nova edición. As representacións celebraranse ás 18,00 horas dos domingos 1, 8, 15, 22 e 29 do mes de outubro, no Auditorio Municipal do Carballiño, aínda que a organización intentará ampliar as representacións ós días 5, 12, 19 e 26 de novembro. "Todo dependerá da economía da nosa asociación e do bo fin das subvencións solicitadas", puntualiza. Tiruleque anuncia tamén que manterá o importe de 800 euros que se viña pagando a cada grupo seleccionado pola súa actuación. 

Son requisitos imprescindibles para participar que as obras estean interpretadas no idioma galego; que teñan unha duración de máis de 60 minutos e que os grupos participantes sexan afeccionados.

Ademais, sinalan os organizadores que terán preferencia as comedias para adultos, aínda que se algún colectivo tén no seu repertorio un musical, drama, traxedia, revista ou unha obra infantil, "que non nos deixe de mandar a súa proposta xa que de non ser neste espazo, podería atopárselle outro semellante", sinalan. Os grupos interesados teñen ata principios de xullo para facer as propostas. 

Te puede interesar