Trinta comunicacións están confirmadas no congreso do Centro Chamoso Lamas

O profesor Julio Prada Rodríguez será o encargado da conferencia inaugural do congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas da comarca do Carballiño, que se desenvolverá na Casa da Cultura os días 14, 15 e 16 de marzo coa colaboura da Vicepresidencia da Xunta, a Universidade de Vigo e Caixa Galicia.
A ponencia, que será presentada ás 16,30 horas do venres día 14, estará referida á axitación republicana e á represión franquista na vila do Arenteiro entre 1931 e 1936, e dará pé a celebración dunha mesa redonda sobre o mesmo tema, na que participarán Xosé Fernández, Xosé Manuel Cid e Luis Gulín. Ademáis doutras charlas sobre o macizo granítico de Pena Corneira, o cambio climático e a fauna, tamén están confirmada a participación de 30 investigadores para presentar as súas comunicacións ó longo das xornadas do sábado 15 e domingo 16.

Clausura

Nesta sexta edición do congreso están previstas dúas excursións a San Cibrán de Lás e ó Mosteiro de San Clodio, e outras dúas ó Mosteiro de Oseira e ó Museo de Olimpio Liste. Finalmente, a ponencia de clausura corresponderá ó enxeñeiro César Fernández Portal, que falará encol de ’O viñedo do Ribeiro. Historia das súas patoloxías’, ás 18,30 horas do domingo. A continuación, os organizadores teñen prevista unha cata de viños do Ribeiro guiada por un experto. Os interesados en participar nas xornadas deben abonar 10 euros se son profesionais, ou cinco euros no caso de estudantes, parados e xubilados, mentres a matrícula é gratuita para os asistentes con comunicacións presentadas.


Te puede interesar