O volumen de vendas do ‘comercio xusto’ triplicouse nas últimas catro campañas

A conmemoración do Día Internacional do Comercio Xusto terá o seu reflexo no Carballiño, coa organización de conferencias, talleres e a instalación da tradicional tenda para a venda de productos procedentes de países americanos e africanos, como café, cacao natural, azúcar e chocolate.
O departamento municipal de Xuventude e Voluntariado é o que promove o programa de actividades, que se desenvolverá entre os días 15 e 20 deste mes no recinto do Auditorio.

Así, para o vindeiro venres, ás 20.00 horas, está prevista unha charla de María Eugenia Díaz, coordinadora do plan de dereitos das mulleres en Guatemala, mentres a apertura da tenda de ‘comercio xusto’ terá un horario de 11.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 21.00 horas entre o luns e o mércores da vindeira semana. A concelleira de Xuventude, Inmaculada Ucha, lembrou que ‘xa son cinco anos consecutivos nos que os carballiñeses están a colaborar con esta iniciativa, case triplicando as súas compras, xa que pasaron de 175 euros no 2004 a superar os 500 euros na edición celebrada o pasado ano’.

Talleres

Os rapaces de entre 3 e 10 anos tamén terán o seu protagonismo os días 19 e 20 de maio coa organización de dous talleres gratuitos, un de elaboración de marcos con grans de café e outro de bolsas recicladas, en horario de 18.30 a 20.30 horas. O número de prazas está limitado a 25 en cada modalidade e os talleres serán impartidos por monitores da Concellería de Xuventude, que asistiron a cursiños convocados pola delegación galega da organización non gubernamental ‘Solidariedade Internacional’.


Te puede interesar