A XIV Festa da Palabra lembrará ao grupo Brais Pinto

A XIV Festa da Palabra estará dedicada este ano ao colectivo cultural Brais Pinto. Terá lugar o próximo 16 de xullo na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, Carballiño) a partir das 11,30 horas, organizada pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense, contando co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura. 

Así o confirmaban o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que se reuniu no Pazo Provincial co presidente da Fundación Insua dos Poetas, o poeta Luis González Tosar, para
abordar os últimos preparativos.

Haberá diversas actividades paralelas e un xantar de confraternización. Ademais, entregaranse os premios da Insua dos Poetas -en sete ámbitos como o literario, a promoción da cultura galega na emigración, xornalismo cultural ou acción social-, acompañados por cadansúa peza orixinal de Acisclo Manzano. Esta festa está concibida pola organización coma unha xornada de encontro de escritores, editores, libreiros e ilustradores…de todos os colectivos do mundo do libro e da literatura, e tamén das artes plásticas e outros ámbitos da cultura. “Buscamos que a xente que está facendo cultura en Galicia se coñeza e participe”, sintetiza Tosar, “arredor dunha gran festa de exaltación da nosa identidade cultural”.

Organización

Manuel Baltar celebra a organización, “un ano máis, da Festa da Palabra. Un espazo único no contexto nacional e mesmo internacional. Por iso animo a todos os ourensáns que se acheguen á Insua dos Poetas a desfrutalo”; e define a Festa da Palabra como un “encontro entre a escultura, a paisaxe, a poesía… para render homenaxe a todos os grandes que Ourense, que Galicia, deron ao mundo da cultura, cun compoñente moi grande do que significa a emigración na traxectoria do noso pobo e de toda a colectividade galega”.

Luis González Tosar destaca a traxectoria desta festa, “instaurada fai catorce anos” e remarca que a homenaxe central da xornada busca “perdurar”, apoiada nunha“referencia física en forma de obra de arte”. Nesta edición, por unha escultura do ourensán Ramón Conde.

Te puede interesar