A Xunta prevé varias melloras no centro de saúde de Beariz

photo_camera Delegado da Xunta, conselleiro, alcalde e xerente da Área Sanitaria, na firma do convenio.
Nas obras previstas no convenio está unha nova accesibilidade e distribución de espazos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado López, asinaron un acordo para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. O investimento deste proxecto ascende a 122.967 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello, segundo explica a consellería nunha nota.

 O conselleiro de Sanidade “agradeceu a boa disposición do alcalde e, tamén, o papel de interlocución que fixo o delegado territorial da Xunta para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo”, indica a Xunta. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Beariz “contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable”.

As obras consistirán na mellora da accesibilidade do centro, que na actualidade non conta cun acceso adaptado. Para iso, a proposta do Concello, optouse por un proxecto que prevé pasar a área asistencial a andar semisoto, ao que se accede directamente dende a rúa por unha porta situada na fachada lateral dereita do edificio, e deixar no andar baixo unicamente a sala de xuntas, o almacén e unha sala covid próxima ó acceso pola entrada actual.

Esta actuación suporá a remodelación de todo o andar, creando aseos adaptados, realizando a apertura dos ocos das ventás, o cal provoca unha modificación das fachadas do edificio e a renovación de toda a carpintería. Ademais, aproveitarase a actuación para realizar unha limpeza de toda a cuberta, reparando as tellas que se atopen deterioradas e especialmente os encontros cos lucernarios.

Segundo a Xunta, este convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na provincia. Este ano téñense asinados xa convenios para reformar os centros de saúde de titularidade municipal de O Bolo, Rairiz de Veiga e Amoeiro, e están en trámite os de Castro Caldelas, Vilardevós ou Lobios, entre outros.

Te puede interesar