A oposición califícao de 'acto vandálico', e esixe responsabilidades

Unha árbore foi talada en Cenlle para ter palco

O tocón da árbore talada na Praza Maior de Cenlle. (Foto: Martiño Pinal)
O alcalde de Cenlle, Manuel García Montero, do PP, retirou a pasada semana unha denuncia presentada na Garda Civil e asinada por tódolos grupos da Corporación, na que se facía constar a tala dunha árbore ubicada na Praza Maior da capitalidade municipal. O grupo socialista puxo de manifesto o malestar dos veciños e o seu voceiro, José Rodríguez Veloso, pregunta 'cales son os motivos polos que se paraliza esta denuncia, xa que é lamentable a actitude do rexedor por deixar impunes ós autores dun acto vandálico'
Ademais, o edil do PSOE adianta que 'imos presentar unha moción no vindeiro pleno de setembro, para esclarecer quén e cándo foi cortado esa árbore, e por qué a denuncia foi retirada'. O grupo da oposición engade que 'o Concello non está a tomar as medidas pertinentes para deter este tipo de actos vandálicos que se están a suceder no municipio, coma foi o caso dos destrozos na fonte da localidade de Razamonde, hai uns días'.

Pola súa banda, García Montero asegura que 'non quero entrar en polémicas coa oposición, pero teño que suliñar que a tala desa árbore foi debida a un erro'. O alcalde de Cenlle concreta que 'nas pasadas festas patronais, non había espazo suficiente para a instalación do palco para a actuación das orquestras, e algún operario tomou, por desgracia, a iniciativa de corta-la árbore para facilitar dita colocación'.

O rexedor 'popular' asegura que 'non vexo que haxa unha oleada de actos vandálicos no municipio, xa que iste non foi tal e tamén foron puntuais os danos causados na fonte de Razamonde'.

Te puede interesar