A área de Promoción de Ribadavia apoiará proxectos para o desenrolo do rural

O departamento de Promoción Económica do Concello de Ribadavia vai implicarse no aproveitamento das oportunidades que xera para a vitivinicultura o Plan do Ribeiro. Neste senso, o responsable desta área municipal, Xavier Carreira, sinala que ’o plan vai modernizar o sector en tódolos ámbitos, xa sexa en infraestructuras, capital humano, superficie territorial, variedade dos viñedos, promoción da calidade dos viños e ampliación das explotacións’.
O concelleiro do BNG engade que ’esta iniciativa de Medio Rural conta cun importante volume de investimentos, e súmase a outra excelente nova para o sector, a declaración do Ribeiro como zona de especial interese agrario no derradeiro consello da Xunta celebrado en 2007, que permitirá activar, entre outros, o Banco de Terras de Galiza na nosa comarca’.

Xavier Carreira apunta tamén que, na actualidade, o seu departamento está a traballar na potenciación integral do sector. Deste xeito, ’estamos a promover actuacións do Plan de infraestruturas rurais, cun investimento de 72.000 euros no 2008, e medidas complementarias na concentración parcelaria en Santo André de Campo Redondo, con 685.000 euros’. O edil nacionalista engade que ’poñeremos en marcha a Ruta do Viño do Ribeiro e o deseño dunha renovada Feira do Viño en Ribadavia’.

Te puede interesar