As bandas de música de Barro e Salcedo participan no festival das festas do Portal

As bandas de música de Barro e Salcedo, de Pontevedra, compartirán escenario coa local ‘La Lira’ no festival que se celebrará en Ribadavia o domingo 7 de setembro co gallo das festas na honra da Virxe do Portal. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Anxo Collarte, destacou ‘a xuventude e calidade de ambalasduas bandas, á altura do bo entendemento musical do público ribadaviense e do prestixio da nosa La Lira’.
A Banda de Música Xuvenil de Barro naceu neste concello pontevedrés en 1992 e conta con 60 membros dunha idade media de 19 anos. O actual director, José Varela Pardo é o director de orquestra máis xove de Galicia. É mestre de tuba e colabora coa Real Filharmonía e coa Orquestra Sinfónica de Galicia, ó tempo que coordina ós 14 profesores da Escola de Música de Barro, onde se forman os futuros membros da banda.

A banda de Barro recibiu numerosos recoñecementos ao máis alto nivel de Galiza, entre eles o primeiro premio nas edicións sexta e sèptima do Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra, nos anos 2006 e 2007, e no Certame Galego de Bandas de música da Xunta de Galicia. A Banda de Música de Salcedo foi fundada en 1988, formando así a primeira e única banda popular que existe no Concello de Pontevedra. Actualmente, está constituida por 60 compoñentes, e tamén conta cunha activa escola de música con 10 mestres e un total de 80 alumnos.

Os músicos de Salcedo foron galardoados en dúas ocasións co segundo premio do Certame Provincial de Bandas de Música ‘Deputación Provincial de Pontevedra’ e no Certamen Internacional Ciudad de Valencia. O director da banda de Salcedo, Luís González Amosa formou parte de diversas agrupacións, como a Xove Orquestra de Galicia.


Te puede interesar