Os candidatos a gobernar Ribadavia discrepan sobre cales son as prioridades da vila do Ribeiro

La Casa Consistorial del Ayuntamiento de Ribadavia.
photo_camera La Casa Consistorial del Ayuntamiento de Ribadavia.
No Concello de Ribadavia actualmente existe un goberno de coalición formado polo PSOE e Ribeiro en Común, xa que hai dous anos presentaron unha moción de censura que desbancou ao Partido Popular.

CXG

  • Os dous primeiros anos foron nulos a nivel obras e servizos. Xa sei que estaba a pandemia de por medio, pero o alcalde era deputado provincial naquel momento e podería ter feito máis. Eu fun partícipe da moción de censura e asumín as miñas competencias nas obras e servizos municipais. O meu traballo era axudar e traballar para os veciños, pese á pouca capacidade económica que tiñamos. Dediqueime ao meu traballo, pero agora tomei a decisión de atender a toda a poboación do concello de Ribadavia.

 

  • Considero que hai tres prioritarias: a primeira, ampliar o parque empresarial do concello para axudar a consolidar á poboación e mellorar a economía de todo o municipio; a segunda, preparar un plan turístico a medio prazo para promover a creación de hospedería e hostelería na zona, o que atraería a máis público e repercutiría na nosa economía; e terceiro, a construción dun novo asilo e centro de día unificados, que tanto os usuarios coma os veciños poidan utilizar.

 

  • Hoxe en día, coas redes sociais, todos poden saber de nós. O venres tivemos a nosa presentación de campaña. Nós sempre estivemos aí para os veciños, día tras día xunto a eles, para solucionar os seus problemas e que saiban que poden contar connosco. Pronto comezaremos a chamar porta por porta tamén, para presentarnos e que todos saiban que non só somos unha campaña, senón que detrás hai persoas que se preocupan polos veciños e habitantes de todo o concello.

PP

  • Os dous últimos anos foron un desperdicio. A veciñanza fixo que, en 2019, o PP fose o partido máis votado, o que fixo que levásemos a cabo un proxecto ilusionante cara adiante. Pero na pandemia, a moción de censura truncou este proxecto de futuro, que se converteu en parálise. O único que fixo o novo goberno foi rematar cousas que o PP xa comezara anteriormente, pero outras moitas accións, como o Plan Urbe en Ventosela, non foron capaces de levalo a cabo. Foi unha oportunidade perdida polos intereses persoais dos integrantes do PSOE e de Ribeiro en Común.

 

  • Debido a esta parálise que comentaba, moitos proxectos extratéxicos seguen paralizados. Existiron intereses persoais do actual goberno de Ribadavia que se impuxeron aos intereses do propio concello e os seus veciños: proxectos como a construción dun centro de día, a mellora do suministro da auga ou a creación de vivendas sociais seguen sen materializarse.

 

  • Nesta campaña queremos transmitir á veciñanza a necesidade dunha maioría absoluta do PP para poder levar a cabo todos os proxectos que non nos permitiron desenvolver. Hai outros partidos que farán o que sexa para que o PP non goberne, pero pedimos que nos den a oportunidade de demostrarlle aos veciños de Ribadavia que podemos levar a cabo proxectos estratéxicos, como a ampliación do suelo industrial ou a creación dunha bolsa para vivendas unifamiliares. Despois, que eles decidan como foi o noso traballo

PSOE

  • Para min non foi unha lexislatura de catro anos ao uso, xa que só levo dous no goberno, e se me conformara con iso, non creo que fose unha boa alcaldesa. Aínda así, creo que en canto a xestión acadamos moitos proxectos. Cando asumín o cargo, unha das cousas que criticaba o PP era que non había proxecto, e queda claro que non é así. Fixemos a maior inversión nos últimos dez anos en canto á contía económica. Cambiamos o alumeado para aforrar un 40% na factura, melloras nas rúas e estradas do concello, a iluminación do paseo entre Francelos e San Cristovo, e un longo etcétera que o demostra. Quédome con que a miña alcaldía trouxo tranquilidade e estabilidade ao Concello.

 

  • Para min, é importante buscar financiamento e o compromiso das diferentes administracións para levar adiante a ampliación da nova residencia de maiores. Un Concello coma o noso debe protexer aos nosos maiores, e eu, como persoal sanitario, considero que é imprescindible acadar o compromiso da Xunta de Galicia e a Deputación.

 

  • Hai moitos proxectos estrela, coma os máis de dous millóns de euros de Ben de Interese Cultural que presentamos para a rehabilitación do casco histórico. Dar solución ao abastecemento das zona das Chabolas é unha cuestión ambiciosa e hai que facer un estudo dentro das posibilidades. A captación definitiva do Miño, que dará solución no caso de sequía como a que vivimos, pero para iso, Augas de Galicia ten que asumir as súas competencias.

BNG

  • É unha valoración negativa, ningún dos gobernos lle deu solución aos grandes problemas de Ribadavia. As persoas que encabezan todas as outras candidaturas formaron parte do goberno do noso Concello nese tempo, e os temas que estaban enriba da mesa hai catro anos seguen pendentes. Pola nosa parte, penso que tomamos as decisións correctas durante estes catro anos tanto no momento da investidura como no da moción de censura. Centrámonos en ser útiles para Ribadavia, colaborando cos demais grupos políticos en todo o que fose positivo.

 

  • Necesitamos que a xente que quere vivir aquí teña onde facelo e non marche. Unha Ribadavia con máis oportunidades para vivir aquí: renovar e acabar vivendas e axudar a habilitar as que están pechadas, para un concello novo e sostible. Necesitamos pór en marcha as novas ideas que se están a facer realidade en moitos concellos galegos gobernados polo BNG. Queremos desenvolver ao máximo o potencial do Ribeiro, que avance e prospere, libre de enfrontamentos localistas que nos perxudican a todos e todas.

 

  • Temos un enorme potencial, con grandes recursos naturais e humanos, e unha localización privilexiada para que Ribadavia recupuere a importancia industrial e comercial. Comprometémonos a traballar por unha economía diversa (industria, comercio, turismo, viño) que ofreza traballo estable. Ribadavia necesita avanzar en transporte, sanidade, servizos sociais, educación e cultura.

REC

  • Esta lexislatura prodúceme sentimentos contraditorios. Por unha parte, deunos a oportunidade a Ribeiro en Común de estar no goberno, o cal foi moi valorado pola veciñanza, como demostra a enquisa realizada por La Región. Este goberno fixo moito en pouco tempo, aínda que quedo coa sensación de que aínda queda moito por facer. Nos concellos, ter a alcaldía é imprescindible para poder levar a cabo proxectos, polo que dende o partido botamos de menos esta oportunidade.

 

  • A principal necesidade do concello é o investimento na xestión da auga, o último foi no 2007. A Rede de Augas de Ribadavia está a colapsar, e está claro que nin o BNG, nin o PP nin o PSOE van ser capaces de mellorar esta situación. Por outro lado, é necesario un cambio en urbanismo.  Existe unha gran multitude de proxectos que se enfrontan a atrancos burocráticos que non os deixan avanzar, como a ampliación e mellora das instalacións das termas de Prexigueiro; o centro de día, cuxo proxecto xa se presentou en 2017, ou a ampliación da Galiña Azul utilizando o edificio do antigo colexio.

 

  • Mencionaría dúas cousas. A primeira, seguir cos proxectos que xa estan iniciados nas nosas áreas do goberno actual na xestión cultural e de deportes. E a segunda, a realización de novos proxectos, como unha nova pista no pavillón, que xa está solicitada, ou a rehabilitación do casco histórico. O problema da seca tamén é un tema importante no que nos queremos centrar

Te puede interesar