O sendeiro, de 28 quilómetros, pódese percorrer a pé ou a cabalo no parque de Pena Corneira

Carballeda oferta ós turistas a ruta máis longa de Galicia

Un dos muíños e área recreativa, na ruta sendeirista de Pena Corneira. (Foto: Martiño Pinal)
A empresa Tragsa está a piques de rematar as obras de acondicionamento da ruta de sendeiros no municipio de Carballeda de Avia, un percorrido de 28 quilómetros que ten como eixo o parque natural de Pena Corneira. Cun orzamento aproximado de 1,3 millóns de euros, que aporta o Ministerio de Medio Ambiente, o proxecto contempla a recuperación de antigos camiños e a creación de áreas de recreo e esparcemento nesta paraxe que ocupa unha superficie superior ás 1.000 hectáreas, nas que destacan as súas formacións xeolóxicas de pedra.
Os sendeiros pódense percorrer a pé ou a cabalo, o único medio de transporte posible nas primeiras décadas do século pasado, de xeito que o Concello de Carballeda de Avia 'poderá ofertar ós veciños do Ribeiro e da provincia e, en xeral, a calquera visitante, un espazo para disfrutar do tempo de lecer que ademais convértese na ruta máis longa de Galicia', apunta o alcalde, Luis Milia.

Xa no vindeiro mes de decembro, as persoas que desexen coñecer o municipio atoparanse no itinerario cun total de 28 muíños completamente restaurados, dos cales a meirande parte aínda están en pleno funcionamento, con áreas de descanso no seu contorno.

O rexedor de Carballeda lembra que 'dende que comezamos a perfilar esta ruta, hai xa seis anos, houbo un investimento total que chega ós catro millóns de euros, unha financiación que foi posible con fondos da Unión Europea, o traballo de dous talleres de emprego e as aportacións do propio Concello, que fixeron posible poñer en valor a riqueza paisaxística de Pena Corneira'.

A fixación de poboación é un dos obxectivos que contempla o grupo municipal de goberno de Carballeda para o futuro. Luis Milia adiantou que 'temos algunha aldea abandoada, coma é o caso de Sariñás, na parroquia de Abelenda das Penas, que convén recuperar para aloxamentos de xente xoven e o turismo rural'.

Te puede interesar