Un congreso debatirá sobre o vínculo do Xacobeo co viño

OURENSE 4/09/2019.- Presentación simposio do Ribeiro. Juan Manuel Casares, Rosendo Fernández, Sandra Quintas. José Paz
photo_camera Juan Manuel Casares, Rosendo Fernández e Rosendo Fernández.
Un grupo de expertos de todo o Estado reúnense esta fin de semana no Museo do Viño de Galicia

A comarca do Ribeiro acollerá durante os días 6, 7 e 8 de setembro, un simposium titulado “A pegada histórica do viño no Camiño de Santiago”. Esta iniciativa, organizada polo CRDO Ribeiro e pola Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, desenvólvese ao abeiro do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo. Nesta acción na que participarán profesionais da enoloxía, historia, arqueoloxía, xeografía, antropoloxía así como xornalistas de toda a xeografía española, procura analizar e promocionar a relevancia que a cultura do viño tivo e mantén nas diferentes manifestacións do Camiño de Santiago. Según Juan Manuel Casares, presidente do CRDO e da Ruta do Viño Ribeiro, "estas xornadas teñen como obxectivo poñer en valor a importancia histórica que o viño do Ribeiro tivo durante séculos en Galicia así como salientar o papel económico deste produto nos tramos galegos deste traxecto de peregrinación fundamental para entendermos Galicia como feito universal".

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, salientou a cooperación dos organismos vencellados ó viño e a institucón provincial na campaña “Ruta do Viño do Ribeiro. O Camiño do viño”, "para facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala coma destino enoturístico".

O recentemente inaugurado Museo do Viño de Galicia acollerá ó grupo de especialistas na historia do viño, cun programa das xornadas que prevé abordar diferentes formatos de divulgación, xa que os participantes terán a oportunidade de coñecer os diferentes recursos turísticos, históricos e culturais da Ruta do Viño en particular e do Ribeiro en xeral.


Ligazón do Ribeiro e Compostela


A programación do simposium inclúe tres sesións técnicas, nas que se expoñerán ponencias sobre distintos aspectos do papel do viño no Camiño de Santiago e as súas pegadas desde os puntos de vista arqueolóxico, histórico, etnolóxico e etnográfico. Neste sentido, o profesor carballiñés Jose Luis Sobrado disertará sobre o Camiño dos Arrieiros, un traxecto económico que ligaba ao Ribeiro con Santiago de Compostela e Pontevedra como puntos fundamentais para o consumo e difusión deste produto por toda Galicia e para a súa internacionalización. Ademais, os participantes visitarán o castro de Lás, o balneario de Laias, lagares rupestres da comarca e o casco histórico de Ribadavia.

Te puede interesar