A Corporación de Ribadavia suprime dúas licencias de taxi

Dúas das 12 licencias de taxi existentes en Ribadavia foron anuladas por acordo unánime do pleno da Corporación municipal, que se reuniu onte en sesión ordinaria. A suspensión destas licencias fora proposta ó Concello polo gremio de taxistas da vila, 'xa que os dous vehículos de transporte non funcionaban dende hai dous e seis anos, respectivamente', indicaron. Así, fíxose cumprir a ordenanza municipal, que fixa un máximo de seis meses sen actividade para anular a praza.
Por outra banda, a Corporación tamén aprobou por maioría unha moción de urxencia na que se insta á Xunta a negociar coa Fegamp o mantemento das subvencións de axuda social ós municipios. Tamén foron aprobadas sendas propostas reclamando un contrato homologado para o viño do Ribeiro e para a toma de medidas de prevención nos montes a fin de evitar os incendios.

Te puede interesar