Cortegada da a coñecer o concello co seu XIV Roteiro

César Fernández, Begoña Estévez e Avelino de Francisco.
photo_camera César Fernández, Begoña Estévez e Avelino de Francisco.
A actividade, plenamente consolidada, permite seguir avanzando na dinamización turística deste concello

Cortegada acolle este próximo domingo a XIV edición do Roteiro por Terras de Cortegada, unha andaina de dificultade media “plenamente consolidada e que permite seguir avanzando na dinamización turística deste concello a través dunha iniciativa que combina a aposta polo territorio, deporte e fomento da vida saudable”, segundo resalta César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro.

O alcalde, Avelino de Francisco, celebrou “organizar un ano máis este roteiro de Cortegada, e invito á xente a que nos visite é a desfrutar da natureza e do paisaxe, sen dúbida é un plan moi fermoso para este domingo”.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Cortegada, Begoña Estévez, tamén anima á participación nunha andaina que presenta dúas posibles rutas, unha longa, de 18,3 quilómetros, e outra curta, de 13,850. A saída terá lugar ás 09,30 horas na praza do Campo de Feira. A longa, con saída do balneario, pasará por A Barca, Vao, Merés, Louredo e Soutelo con chegada en Cortegada. E a curta pasará por A Barca, Vao, A Eirexa e Soutelo antes de chegar a Cortegada.

O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe almorzo, agasallo, tres puntos de avituallamento, comida e bebida. Haberá un máximo de 350 participantes, que recibirán un agasallo conmemorativo e participarán en sorteos.

Te puede interesar