A cuberta da igrexa de Melón será restaurada

A Consellería de Educación e Cultura fará un investimento para acometer a reparación do tellado da igrexa de Santa María de Melón, según lle confirmou o propio titular deste departamento, Xesús Vázquez, a alcaldesa do municipio, Cristina Vílchez, nunha entrevista mantida en Santiago.
O conselleiro confirmou que en poucos días se contratarán estas obras, correspondentes ó 1% cultural que subvenciona o Ministerio de Fomento. Os traballos consistirán na rehabilitación da cuberta da citada igrexa parroquial, ubicada no contorno do Mosteiro de Melón, cun orzamento aproximado de 200.000 euros.

Os técnicos de Patrimonio que elaboraron o proxecto apuntaron que é unha actuación moi necesara para evitar o deterioro da igrexa parroquial e dos seus retablos, e, ó mesmo tempo, prever posibles desprendementos que poidan afectar ós veciños e turistas que acudan a vistar o antigo cenobio cisterciense. No mesmo sentido, a alcaldesa de Melón solicitou de Xesús Vázquez que sexa a propia consellería quen de facerse cargo do plan director do mosteiro, de xeito que teñan continuación os traballos de restauración. O obxectivo é a presentación deste plan ante o Ministerio de Fomento, para integralo nos convenios correspondentes a este ano dentro do 1% cultural, ó que Melón ten dereito pola afectación das obras da autovía Rías Baixas no seu territorio.


COLEXIO E PAVILLÓN

Na reunión mantida co conselleiro, Cristina Vílchez tamén fixo referencia a unha petición de permiso para o reforzo da liña eléctrica do alumeado do campo de fútbol e do pavillón polideportivo. Por outra banda, o Concello de Melón tamén ten previsto o cambio da rede de protección e cerramento do colexio público de Quins ó traverso dunha dotación económica da Xunta. As autoridades municipais están dispostas a poñer a man de obra necesaria para levar a cabo esta reparación, que ven demandando a comunidade escolar.

Te puede interesar