Coto do Frade alegará contra a solicitude de ampliación do 50% do suministro á minicentral

Os ecoloxistas alertan sobre o baixo caudal do río Cerves

Presa da minicentral hidroeléctrica do río Cerves, en Melón. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A empresa Enel Unión Fenosa solicitou ampliar un 50% o suministro de auga á minicentral do río Cerves, ubicada entre os municipios de Melón e Ribadavia, pasando de 2.200 a 3.300 litros por segundo. O colectivo ecoloxista Coto do Frade calificou de 'barbaridade' esta petición, e formulará alegacións ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Ministerio de Medio Ambiente, 'tendo en conta o baixo caudal que presenta o río na actualidade'.
Os ecoloxistas xustifican a súa postura ó considerar que 'a flora e a fauna sufrirán unha agresión continua por mor de criterios economicistas' que repercutirá negativamente no contorno natural das Pozas de Tourón e das Termas de Prexigueiro, dous dos enclaves turísticos máis importantes da comarca do Ribeiro.

Ademais, os responsables de Coto do Frade critican que a memoria técnica presentada a nivel de fauna pola concesionaria do proxecto hidroeléctrico se basee nun estudio piscícola de 1998, 'un ano no que a minicentral aínda non estaba construída', e que tamén se esquezan as figuras de protección da flora, coma é o caso dos amieiros existentes nas marxes do río.

A asociación ecoloxista ten case rematado o informe que remitirán á Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental do Goberno estatal, 'para que se faga unha declaración de impacto ambiental da minicentral e do aproveitamento de auga solicitado'.

Por parte de Melón e Ribadavia, os técnicos dos dous Concellos redactarán tamén alegacións contra a rebaixa de caudal no Cerves, a fin de evitar o impacto negativo tanto nas Pozas de Tourón coma na área termal de Prexigueiro.

Te puede interesar