Colleiteiro premiado na ‘XLVI Feira do Viño do Ribeiro’

Eduardo Rodríguez: ‘Hai que apostar polas uvas autóctonas para mellorar os viños de O Ribeiro’

Eduardo Rodríguez posa no ‘Café Latino’ da cidade. (Foto: Miguel Ángel)
O branco ‘Eduardo Peña’ recibiu o segundo premio da cata oficial da ‘Feira do Viño do Ribeiro’. O seu creador, Eduardo Rodríguez, aposta polas iniciativas vitivinícolas.
A primeira colleita de Eduardo Rodríguez naceu cun bó pé, de cepa, naturalmente. Iste hosteleiro ourensán, de 48 anos e copropietario do ‘Café Latino’ da cidade, confiou na experiencia dun enólogo para conquerir sacar adiante un viño branco, ‘Eduardo Peña’, que recibiu o segundo premio da súa categoría na cata oficial da ‘XLVI Feira do Viño do Ribeiro’, que se celebrou na primeira fin de semana deste mes en Ribadavia.

Como se decidiu a adicarse o sector vitivinícola?

Hai anosque tiña a idea de crear unha adega, sempre foi unha teima que me rondaba a cabeza e por fin atopamos hai catro anos unha finca que nos gustaba en Barral, no municipio de Castrelo de Miño, duns 53.000 metros cadrados de superficie, un pouco máis de cinco hectáreas, para plantar as cepas.

Decantouse exclusivamente polas variedades de uva branca ou tamén dispoñen de tinta?

De toda a colleita que prantamos vendemos a meirande parte e tan só nos quedamos co número necesario de quilos a fin de sacar ó mercado 7.000 botellas de ‘Eduardo Peña’, que foi a marca galardonada polos catadores en Ribadavia. Logo, o máis importante e destacable é que o primeiro ano que producimos viño, iste foi recoñecido e premiado no certame vitivinícola de O Ribeiro. Para elaborar iste branco escollemos as variedades treixadura, godello, albariño e loureira, apostando por unhas uvas de calidade ó 100% e que deron un moi bó resultado. Na viña tamén levamos a cabo a prantación duns 10.000 metros cadrados (unha hectárea) de variedades tintas, como brancellao, sousón, caíño e ferrol. Ademais, neste mesmo ano introducimos uvas brancas de lalo, sempre prantas autóctonas.

Considera que o premio recibido servirá para promocionar a súa marca?

Penso que é un premio sempre é de agradecer e supón unha axuda cara ó futuro. Por outra banda, é o recoñecemento a un traballo de catro anos e que ten a súa importancia tendo en conta que estamos no inicio dunha andaina e por elo aínda somos pouco coñecidos no sector e no mercado, é unha boa axuda.

O futuro de O Ribeiro pasa por iniciativas empresariais como a súa?

Na actualidade hai moitas persoas que están apostando por iste tipo de proxectos e está a traballar moi ben polo relanzamento do Ribeiro, de xeito que esta Denominación de Orixe está a ser recoñecido non só a nivel estatal senón tamén internacional. E penso que mantendo o nivel de calidade e progresión acadados, o futuro debería estar garantido.

Cando fala de calidade, refírese á potenciación das variedades autóctonas?

Por suposto. Un dos problemas do Ribeiro é o mantemento de uvas como o xerez ou o alicante, que aínda seguen a estar recoñecidas pero que non son autóctonas. Este tipo de plantacións deberían ser sometidas a procesos de reconversión para a prantación das variedades que son da nosa terra, xa que hai décadas que este tipo de uvas motivaron o rexeitamento dos ribeiros no exterior. Por iso é necesario acometer un programa de replantación, cecais con axudas das institucións e organismos públicos vencellados ó sector vitivinícola.


Te puede interesar