O alcalde de Ribadavia sinala que o número de colleiteiros e adegas será moi similar o do 2010

A 'Feira do Viño' manterá os tradicionais concursos de catas

Antonio Álvarez, Marcos Blanco, Emilio Cuíñas e Nito Contreras posan xunto ó cartel da feira. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O Centro Comarcal de Ribadavia acolleu na mañá de onte a presentación do cartel da cadraxesimo oitava edición da 'Feira do Viño do Ribeiro', que se celebrará dos días 1 ó 3 do vindeiro mes de xullo. No acto participaron o alcalde, Marcos Blanco, e o concelleiro de Promoción Económica, Emilio Cuíñas; o vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Antonio Álvarez, e o autor do deseño publicitario, Nito Contreras, nado no municipio.
Iste explicou que o cartel sintetiza en dous planos o concepto dun Ribeiro dual, representando en dúas esferas visuais diferenciadas a vila e a comarca, separadas polo río Avia. Contreras engadiu que 'nembargantes, o viño atravesa esa fronteira natural servindo de nexo de unión entre ambas realidades, favorecendo así a comunicación da urbe co sector produtivo'. Emilio Cuíñas lembrou que esta é a cuarta edición da feira co formato e datas novas, 'e na que o número de adegas e colleiteiros inscritos vai ser similar ó do pasado ano, gracias ó esforzo económico do Concello e do propio Consello Regulador'.

O edil apuntou que 'esta edición está marcada pola crise económica e os recortes orzamentarios, tendo en conta que a Xunta non fixo pública este ano ningunha convocatoria de axudas para as festas que están declaradas de interese turístico'. Pola súa banda, Marcos Blanco subliñou que 'a feira está aberta a toda a comarca, e ademais de servir de escaparate para os nosos caldos, tamén serve para promocionar turísticamente a nosa indentidade como capitalidade do Ribeiro'.

A celebración da 'Feira do Viño do Ribeiro' incluirá no seu programa actuacións musicais, coma é o caso do grupo galego Marful, e manterá a súa estructura central na praza da Alameda.

Cuíñas adiantou que tamén se organizarán as tradicionais catas de viños por parte de expertos e tamén as populares, aproveitando para estas últimas o recinto da igrexa da Madalena. Nestas, ademais do recoñecemento ós mellores caldos, tamén se premian os visitantes cuia elección coincide coa dos expertos.

Te puede interesar