A organización pon en circulación 200.000 maravedís para poder mercar nos postos da vila

A Festa da Istoria comezou coa apertura do mercado medieval

Postos do mercado medieval instalados onte na Alameda de Ribadavia. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A capital do Ribeiro voltará hoxe ós seculos da Idade Media na celebración da súa Festa da Istoria, que xa cumprirá as vodas de prata o vindeiro ano. Un festexo ambientado na época medieval e que xa tivo na xornada de onte o seu anticipo coa apertura dun mercado tradicional na praza da Alameda, que hoxe poderá ser visitado tamén, se ben as actuacións e desfiles previstos polas rúas de Ribadavia tiveron que ser suspendidas pola tarde por causa da choiva.
Unha inclemencia meteorolóxica que aínda pode repercutir no programa preparado para iste sábado pola organización, e que comezará a primeira hora da maña coa lectura do pregón oficial por rúas e prazas da vila. Entre as actividades destaca o Gran Desfile, que partirá dende o pavillón e no que participan os antigos reis de Galicia, os Sarmiento, nobles e unha ampla comitiva a cabalo, que remata a súa andaina na fachada do Castelo.

Alí, o historiador sefardí Abraham Hain será o encargado de dar lectura ó pregón, antes do acto de entrega das Medallas da Istoria ós persoeiros máis destacados na súa colaboración co festexo. A Voda Xudea, o xadrez vivente, a carreira de pipotes e as exibicións de cetrería, tiro con arco e ballesta e o espectacular torneo medieval completan a xornada.

A Coordenadora da Festa da Istoria, responsable da organización, lembra que para asistir a actos como a Voda Xudea, na igrexa da Oliveira; o xadrez vivente, no Castelo, ou a Cea Medieval, na Madalena, é obrigatorio acudir vestidos de época. Ás 10,30 horas, abrirá o banco Alhóndiga, na Praza Maior, que porá en circulación 200.000 maravedís, moeda de cambio que deberá canxearse por euros se os visitantes desexan mercar productos nos postos do casco histórico.

Te puede interesar