Música de vangarda, no XVI Arteficial de Ribadavia

O Festival Arteficial celebra a súa 16 edición o día 3 do próximo mes de setembro, na contorna da Praza da Madalena en Ribadavia. Nesta edición volta á ubicación orixinal, ofrecendo sete concertos ao longo do día e o Mercado das Sementes nos soportais da praza.

Este ano os integrantes do cartel estarán divididos nos escenarios habituais, dentro da igrexa da Madalena, así como nas prazas colindantes. Contarase coa presenza dos portugueses
Unsafe Space Garden, “que nos levarán de viaxe existencial con tintes de humor para axudarnos a liberarnos”, apuntan desde a entidade organizadora que ten o nome do festival.

Ademais, Gator, the aligator, tamén lusos, que faran tremer o casco histórico de Ribadavia co seu garage rock. E continuando dentro da programación con Portugal actuará Grand Sun, coa súa música influenciada polos anos 60 e 70 e que oscila entre o pop psicodélico e o garage rock con tintes de post punk.

De Galicia participa no festival Bifannah, catro galegos multidisciplinares distribuidos entre Barcelona e Londres. O toque local aportao o grupo do Ribeiro Todas Las Batallas Perdidas, que percorren diferentes emocións e sentimentos como a crueldade, a infancia ou a paz a través das súas cancións; e as feministas Fillas da Cassandra, que unen a música tradicional coa electrónica; e remata coa madrileña Espineli, un sopro de aire fresco e xuvenil con referencias bakalapop.

Este ano tamén haberá unha exposición que se poderá visitar no Museo Extolóxico de Ribadavia.

O Festival Arteficial é de entrada gratuíta e por terceiro ano consecutivo establécese unha entrada solidaria que consiste nunha doación de alimentos non perecedeiros en colaboración coa Cruz Vermella.

Te puede interesar