MEDIO AMBIENTE

Un obradoiro limpará as ribeiras de tres ríos

Os concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño e Carballeda de Avia comparten un proxecto que formará a 20 persoas

Os concellos de Ribadavia, Carballeda de Avia e de Castrelo de Miño disporán dun obradoiro de emprego. O proxecto, que se denomina A Ribeira, ofrecerá formación a 10 alumnos, no módulo de xardinería, e a outros tantos no módulo de axuda no fogar, sumando un total de 20 desempregados beneficiarios.

As principais actuacións que se levarán a cabo serán a limpeza e acondicionamento nas ribeiras dos ríos Miño, Avia e Cerves, incluíndo a roza, limpa do solo e retirada de lixo, entre outras tarefas, no Concello de Ribadavia, que exercerá como representante ou entidade promotora da agrupación. 

No que se refire a Carballeda de Avia, as actuacións afectarán ao parque infantil urbano e ao Camiño Natural de Pena Corneira, que tamén serán acondicionados polo módulo de xardinería. 
Polo que respecta a Castrelo de Miño, o acondicionamento do Parque Náutico, así como a limpeza das marxes do río Miño, centrarán os traballos a levar a cabo.

O outro módulo de axuda no fogar formará a 10 persoas con vistas a dispor de novos traballadores nos tres concellos promotores do proxecto sempre que sexan necesarios, e tendo en conta que apostan por a prestación dun servizo de asistencia adaptado á demanda e necesidades dos maiores.

O orzamento subvencionado supón 179.134 euros e está previsto que comece a mediados do próximo mes de setembro.

Nos vindeiros días manteranse as reunións pertinentes coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, que acaba de comunicar a concesión do obradoiro, para ultimar a posta en marcha do proxecto.

Te puede interesar