MIT DE RIBADAVIA

Obradoiros, coloquios e foros completan a MIT

<p></p>
photo_camera Unha representación teatral na Praza Maior de Ribadavia, na pasada edición.

Na mostra presentarase un anteproxecto de Lei de Artes Escénicas 

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), que se celebra do 16 ao 24 de xullo, aposta un ano máis polas actividades paralelas como complemento dos espectáculos teatrais. Como novidade desta edición, ofrécense os Obradoiros do espectador, que é un curso cos arxentinos Laura Nevole e Rubén Sabadini. Os Foros da MIT e os encontros sobre artes de rúa e a presentación do texto programático para un Anteproxecto de Lei de Artes Escénicas de Galicia completan esta programación.

Os Foros son un coidado espazo para o encontro, o debate aberto, entrevistas e obradoiros cos creadores e usuarios que intercambian a súa experiencia e relacións coa sociedade. Nesta edición, algúns destes foros levan por título: “A memoria como espazo de xustiza”, “Historias de amor e violencia”, “A muller como axente social e humanitario” e “Don Juan sen límites”, entre outros.

Tamén están os Obradoiros do espectador. Segundo a dirección do festival "cos exitosos Foros da pasada edición, comprobamos que o público demanda tamén este tipo de iniciativas, aproveitando a oportunidade de ter ao alcance excepcionais producións escénicas e un contexto idóneo para acompañalas de actividades lúdicas e prácticas". Cóntase con dous profesionais, un dramaturgo e un crítico teatral, Roi Vidal e Manuel Xestoso.

Ademais, durante a mostra está prevista a presentación do texto programático para un Anteproxecto de Lei de Artes Escénicas de Galicia. En xullo de 2015, nos Foros da MIT, "un amplo colectivo de profesionais das Artes escénicas de Galicia reuníronse para debater e analizar posibles accións encamiñadas á mellora da situación actual deste sector no noso país. Un dos proxectos foi a formulación dunha proposta de lei marco de Artes Escénicas", engade a dirección. O programa tamén inclúe un coloquio sobre "As artes de rúa hoxe, variantes e implicacións socio-políticas".

Te puede interesar