RIBEIRO

O pleno do Consello Regulador do Ribeiro busca novo presidente

Dende o sindicato Unións Agrarias, Xosé Ramón González demanda que o perfil do novo presidente sexa "independente"

O consello regulador da Denominación de Orixe Ribeiro reunirase hoxe en sesión plenaria co obxectivo de tentar a elección dun novo presidente, tra-la renuncia do ata agora titular, Felicísimo Pereira Freijido. De xeito interino, a presidencia deste organismo recae en Concepción Méndez, que tiña funcións de vicepresidenta e que se encargará de conducir o pleno.

Felicísimo Pereira fora elexido presidente en febreiro pola maioría dos vocais do consello, tras unha etapa en funcións na que substituira a Miguel Ángel Viso, que dimitiu ó entrar no Congreso dos Deputados como cabeza de lista do Partido Popular por Ourense nas Eleccións Xerais de decembro.

A dimisión de Pereira Freijido foi dada a coñecer ós representantes de adegas, colleiteiros e sindicatos na propia citación plenaria para hoxe, pero o ata agora presidente suliñou onte que "xa tiña anunciada a miña dimisión hai tempo, non é ningunha sorpresa". Agora será o turno do consello para tomar a decisión de nomeamento de presidente, que deberá ser elexido por maioría entre os candidatos que propoñan os vocais, ou, noutro caso, manter a Concepción Méndez de xeito interino.

Dende o sindicato Unións Agrarias, Xosé Ramón González demanda que "o perfil do novo presidente sexa independente, é dicir, que defenda os intereses de tódolos sectores, adegas e productores, e non só das adegas como facía o señor Pereira". 

Te puede interesar