ORZAMENTOS

O PP acusa ao goberno de vulnerar as bases de execución do orzamento

O portavoz popular afirma que se require a realización de servizos a empresas sin respectar os procedementos

O grupo municipal do PP de Ribadavia afirma que o goberno socialista está a vulnerar de xeito reiterado as bases de execución do orzamento no que ten que ver cos procedementos de xestión de autorización e disposición de gastos. As bases de execución do orzamento sinalan, segundo apunta o PP, o deber dos responsables municipais de formular propostas de gasto para ser sometidas á fiscalización previa da intervención e a posterior ordenación do gasto. Pola contra, engade este grupo da oposición que "o goberno de Ribadavia co seu alcalde  á cabeza está a incumprir o procedemento xa que non se están a presentar propostas previas de aprobación do gasto nas que se xustifique a necesidade do gasto e as características do mesmo".

O portavoz popular, César Fernández, sinalou que “esta reiterada ausencia de respecto polos procedementos administrativos é unha clara sinal do desleixo do alcalde de Ribadavia que, como sinalan as propias bases de execución do orzamento, ten a obriga de velar polo cumprimento da execución do orzamento segundo o disposto nas bases de execución do mesmo”.
César Fernández engade que  “estamos a atoparnos con esta realidade unha e outra vez cando pedimos o acceso a expedientes de contratación de obras ou servizos e temos que observar con grande sorpresa que estes expedientes non existen”.

Fernández salientou tamén que “a intervención municipal ten informado reiteradamente que en moitas ocasións o goberno non está a cumprir co procedemento a seguir para a autorización do gasto, e lonxe de corrixir esta práctica, o alcalde de Ribadavia continúa a saltarse os procedementos e a requirir a realización de servizos por parte de empresas privadas sen respectar os procedementos e sen que, en moitísimos casos, existan os preceptivos expedientes de contratación”.

O portavoz popular matiza que o alcalde de Ribadavia administra o concello coma se fose a súa “finca” particular, "levando a cabo contratacións de servizos sen a existencia dos preceptivos expedientes de contratación, e autorizando gastos que non foron aprobados nin fiscalizados previamente polos órganos competentes”.

INFORMACIÓN

O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, considera que o PP "fai unha lectura parcial das bases de execución dos orzamentos". O rexedor municipal socialista pídelle ao PP e en concreto ao seu portavoz que específique a que se refire porque "teñen información de todo o que se fai, por iso que sexan máis concretos á hora de criticar". 
 

Te puede interesar