O Premio Abrente de Textos Teatrais duplica a participación con un total de 12 obras

Doce obras compiten este ano polo Premio Abrente de Textos Teatrais, que organiza o Concello de Ribadavia e que está dotado con 3.000 euros para o gañador. O fallo do xurado farase público coincidindo coa clausura da Mostra Internacional de Teatro, que celebra a súa 24 edición entre os días 19 e 26 de xullo.
O xurado está formado polo alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge, que o preside; o concelleiro de Cultura, Anxo Collarte; o director da Mostra Internacional de Teatro, Rubén García; a directora do Centro Dramático Galego, Cristina Domínguez; o director de escena Xulio Lago; e o actor Fernando Dacosta.

O fallo darase a coñecer o 26 de xullo, o último día da mostra, nun acto presentado polo actor Antonio Durán Morris, que terá lugar no castelo, xusto antes do último espectáculo.

É o terceiro ano que se convoca este premio, e no que bate a marca de participación cos doce textos teatrais, que duplica o número da anterior edición. Ademais do premio en metálico, o Concello de Ribadavia encargarase de publicar a obra premiada e poderá contratar unha compañía teatral galega para realizar a montaxe e representación da mesma.

Te puede interesar