Que rei morreu en Castrelo de Miño?

Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño.
photo_camera Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño.

Un erro que se repite con demasiada frecuencia é afirmar que Sancho I de León (alcumado o Craso pola súa obesidade) morreu e foi enterrado en Castrelo de Miño, a pesar de que xa o padre Flórez advertía na súa España Sagrada, obra publicada no século XVIII, da confusión que existía ao respecto entre Sancho I de León e o rei Sancho I de Galicia, tamén coñecido como Sancho Ordóñez: “Los que atribuyen a Don Sancho el Gordo la sepultura en Castrillo [Castrelo de Miño], y la aparición a su muger después de muerto, equivocaron maridos, y mugeres”.

O erudito ribadaviense, Rubén García Álvarez, intentou aclarar definitivamente este “minúsculo problema historiográfico” nun artigo titulado “Sobre el sepelio en Galicia de Sancho I de León”, e publicado en 1952. Este historiador identificou como culpable do equívoco ao Chronicón Iriense, un texto pouco posterior aos feitos, máis coñecido por ser o primeiro en recoller o achado da tumba do apóstolo Santiago. O autor do Iriense confundiu “honradamente” aos dous sanchos e os historiadores que posteriormente beberon desta fonte, confiados da pureza das súas augas, repetiron o mesmo erro. E así sucesivamente ata hoxe en día.

A Crónica de Sampiro, aínda que é algo máis tardía, tense por máis acertada neste punto. Segundo o relato escrito por Sampiro no século XI, o rei Sancho I de León someteu á nobreza galega e chegou ata Douro, onde lle fixo fronte un nobre chamado Gonzalo, que exercía o seu poder no condado portucalense. O conde Gonzalo finxiu sometemento ao monarca e aproveitou a súa confianza para darlle unha froita envelenada. Consciente da súa gravidade, o rei dispuxo o seu regreso a León finando no camiño tres días despois. De acordo coa narración do bispo de Astorga, foi enterrado en León, na igrexa de San Salvador de Palat del Rey, xunto ao seu pai, o rei Ramiro II.

O derradeiro acto coñecido de Sancho I é unha doazón ao mosteiro de Lorvão, preto de Coímbra. De producirse alí o envelenamento, como sostén o historiador Justiniano Rodríguez Fernández nun libro sobre o reinado deste monarca, “la tercera jornada del cortejo no pudo sobrepasar las cercanías de Chaves antes del fallecimiento del rey”. Sobre o rexicida pouco máis sabemos. Para o historiador leonés trataríase do conde Gonzalo Muñoz, que aparece firmando no diploma de Lorvão despois do rei. Trataríase dun fillo de Munio Gutiérrez; sobriño, por tanto, de San Rosendo.

Como xa dixemos, o rei que morreu e foi enterrado en Castrelo de Miño non foi Sancho I o Craso, senón o seu tío, Sancho Ordóñez (Sancho I de Galicia), rei privativo de Galicia. Estaba casado con dona Goto Muñoz, que tamén era filla de Munio Gutiérrez, e que trala morte do seu home tomou os hábitos de monxa no mesmo mosteiro de Santa María de Castrelo de Miño, do que chegou a ser abadesa. Do seu reinado, que apenas durou tres anos, despois de ser coroado en Santiago de Compostela no ano 926, non se conservan máis que algunhas doazóns de terras, entre elas a cesión da vila de Vilar, a futura Celanova, aos pais de San Rosendo. Con el desapareceron as esperanzas dunha monarquía galega independente de León.

Te puede interesar