Turismo contribúe con 18.000 euros á cita medieval da ‘Festa da Istoria’ de Ribadavia

A vixésima edición da ‘Festa da Istoria’ de Ribadavia, que se celebra do 28 ó 30 de agosto, recibiu o apoio económico da Consellería de Industria a través da Dirección Xeral de Turismo. Este departamento autonómico comprometeu a cantidade de 18.000 euros coa organización do festexo medieval, declarado hai 11 anos de interese turístico nacional.
O correspondente convenio de colaboración foi asinado na mañá de onte na capital do Ribeiro entre o director xeral de Turismo, Rubén Lois, o concelleiro de Cultura, Anxo Collarte, e o presidente do comité organizador, Miguel García. As autoridades destacaron o nacemento da festa coma ‘un esforzo da xa desaparecida Escola Taller de Santo André e que agora é unha translación no tempo da celebrada na vila até o século XIX e que se encadraba nos festexos da Virxe do Portal’.

Os obxectivos básicos son a recuperación das tradicións ancestrais e históricas, de xeito que a festa permite coñecer oficios en decadencia ou que xa se esqueceron, como ferreiros, carpinteiros de armar, toneleiros ou cesteiros. A coordenadora da Istoria porá a disposición de veciños e visitantes máis de 1.000 traxes e 500 pendóns para engalanar rúas e prazas de Ribadavia.

Te puede interesar